Raposo orelludo
From Wikipedia, the free encyclopedia
O raposo orelludo[2] (Otocyon megalotis) é unha especie de mamífero carnívoro da familia Canidae. É un cánido de pequeno tamaño (47-66 cm de lonxitude, 23–34 cm de alto e 3-5,3 kg de peso) caracterizado polas súas longas patas e sobre todo as súas enormes orellas, case do mesmo tamaño que o resto da cabeza. Existen dous núcleos de poboación diferentes, un no leste de África, desde Somalia até o Gran Val do Rift e Tanzania; e outro no sur do continente, desde o Cabo de Boa Esperanza até o sur de Angola. Ambas poboacións separáronse ao final da última glaciación, cando o clima dos actuais Mozambique e Zambia se volveu máis húmido. Así mesmo, atopáronse restos fósiles do Plistoceno que indican unha primitiva presenza en Exipto e o sur de Asia.
Raposo orelludo | |||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||||
'Otocyon megalotis' (Desmarest, 1822) | |||||||||||||||||||||||
Debido ao ambiente seco e cálido onde vive (sabanas, estepas, semidesertos), a pelaxe é curta en todo o seu corpo agás a cola, onde se espesa. O extremo do rabo, ao igual que a parte inferior das patas, as orellas, o morro e a cara, é de cor negra. O resto do corpo é pardo-cinsento, tornándose amarelento ou esbrancuxado no ventre, no pescozo e na parte interna do rabo e as patas.
As súas grandes orellas permítenlle localizar so terra os pequenos invertebrados que conforman a maior parte da súa dieta. Unha vez encontrados estes, o animal escava rapidamente e comeza a comelos sen preocuparse de que o mordan ou o piquen, xa que a súa pelaxe é o suficientemente densa como para manter a raia incluso os voraces térmites africanos. Outras adaptacións á dieta insectívora son os seus afiados e numerosos dentes (de 46 a 50) e a peculiar estrutura muscular da mandíbula, que lle permite mastigar cinco veces por segundo, triturando calquera insecto que capture antes de que poida escapar.
A especie é monógama, sendo frecuente ver familias formadas por unha parella e a última camada de seis crías. Estas nacen tras dous meses de xestación nunha tobeira subterránea expresamente escavada polos pais, ou ben modificada a partir do refuxio abandonado doutro animal.
O otoción non se considera unha especie ameazada, aínda que pode estar ausente dalgunhas zonas onde se caza en gran número polo seu pelello (especialmente demandado nas principais cidades de Botswana).