Rascón de auga
especie de paxaro / From Wikipedia, the free encyclopedia
O rascón de auga[2][3] ou, simplemente, rascón[4] (Rallus aquaticus) é unha ave da familia dos rálidos, que se reproduce en zonas húmidas ben cubertas de vexetación de Europa, Asia e norte de África. As poboacións do norte e leste son migratorias, pero esta especie é sedentaria durante todo o ano nas partes máis cálidas da súa área reprodutora. En Galicia é unha ave nativa sedentaria.[2] O adulto é unha ave de 23 a 28 cm de longo e, igual que outros membros da súa familia, ten un corpo aplanado lateralmente, o que lle facilita pasar entre a vexetación de xuncos do hábitat onde vive. A súa parte superior é principalmente marrón e a inferior gris azulada, con barras negras nos flancos, dedas longas, cola curta e peteiro longo e avermellado. Os exemplares inmaturos son xeralmente similares en aparencia aos adultos, mais a cor gris azulada da plumaxe é substituída por beixe. Os polos cubertos de penuxe son negros, como é característico nos rálidos. A antiga subespecie R. a. indicus, ten marcas distintivas e unha chamada que é moi diferente do chío parecido ao dun porco das razas occidentais e agora xeralmente se separa como unha especie diferente co nome Rallus indicus.
Rascón de auga | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Visitante estival reprodutor (distribucións aproximadas)Residente todo o ano Visitante invernal |
Reprodúcese en xunqueiras e outros sitios pantanosos con vexetación alta e densa, construíndo o niño un pouco por riba do nivel da auga coas plantas das que dispoña na contorna. Os seus ovos abrancazados e con manchas son incubados principalmente pola femia, e as crías fan eclosión en de 19 a 22 días e son precoces. A femia defende os ovos e pitos contra os intrusos ou trasládaos a outro lugar se son descubertos. Pode reproducirse ao chegar a un ano de idade e normalmente fai dúas postas en cada tempada. Son omnívoros que se alimentan principalmente de invertebrados durante o verán e de bagas ou talos de plantas durante o inverno. Son animais territoriais incluso rematada a reprodución e defenden agresivamente as súas áreas de alimentación en inverno.
Son vulnerables ás inundacións ou ás temperaturas de conxelación, á perda de hábitat e predación por mamíferos e grandes aves. Os visóns americanos introducidos exterminaron algunhas poboacións de illas, pero en conxunto a amplísima área de distribución da especie e a gran cantidade de exemplares que hai fan que sexa considerada unha especie non ameazada.