Rembrandt
pintor e gravador neerlandés, considerado un dos grandes pintores europeos da historia da arte e o máis importante do seu país. / From Wikipedia, the free encyclopedia
Rembrandt Harmenszoon van Rijn, nado en Leiden o 15 de xullo de 1606 e finado en Ámsterdam o 4 de outubro de 1669, foi un pintor e gravador neerlandés, considerado un dos grandes pintores europeos da historia da arte e o máis importante do seu país[1]. As súas contribucións á arte producíronse nun período que os historiadores denominaron século de ouro holandés no cal a influencia política, a ciencia, o comercio e a cultura holandesas chegaron ó seu cumio.
Habendo alcanzado o éxito na mocidade, os seus últimos anos estiveron marcados pola traxedia persoal e a ruína económica. Os seus debuxos e pinturas foron sempre moi populares, gozando tamén de gran predicamento entre os artistas, e durante vinte anos converteuse no mestre de practicamente todos os pintores neerlandeses[2]. Entre os maiores logros creativos de Rembrandt están os maxistrais retratos que realizou para os seus contemporáneos, os seus autorretratos e as súas ilustracións de escenas bíblicas. Nos seus autorretratos, especialmente, atopamos sempre a mirada humilde e sincera dun artista que trazou neles a súa propia biografía.[1]
Nas primeiras composicións de Rembrandt está presente a influencia de Caravaggio, pero xa dende pronto afirma a súa linguaxe persoal, onde a atmosfera dourada e os efectos luminosos con figuras que emerxen das sombras caracterizan a súa pintura ata presentar a realidade desfigurada. A súa percepción psicolóxica humaniza tanto os protagonistas dos seus abondosos retratos como os personaxes de escenas bíblicas. A espiritualidade das súas pinturas, con formas cada volta máis desfiguradas, faise compatible coa realidade material.
Rembrandt tiña un profundo coñecemento da iconografía clásica, e nas súas pinturas e gravados adoitaba interpretala libremente para axustala á súa propia experiencia. Así, na representación dunha escena bíblica Rembrandt adoitaba combinar o seu propio coñecemento do texto co seu particular concepto da composición clásica e algunhas observacións anecdóticas da poboación xudía de Ámsterdam.[3] Pola empatía con que retratou a condición humana, Rembrandt foi considerado "un dos grandes profetas da civilización".[4]
- Ningún artista combinou nunca tan delicada habilidade con tanta enerxía e poder.[5]
- O seu tratamento da humanidade soborda de simpatía.[6]
As dúas etapas da vida de Rembrandt (a próspera e a adversa) reflíctense nas súas obras, e moi especialmente nos autorretratos. Mentres que os primeiros son alegres e brillantes, os dos últimos anos teñen un carácter moito máis sereno e escuro, cunha profundidade superior. Todas as súas obras son plenamente barrocas, e están dominadas pola acción, o dramatismo e un realismo derivado da observación do mundo que o rodeaba.