Ribozima
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os ribozimas[1] (contracción de ácido ribonucleico e enzimas) ou ribocimas[2] son ARNs que teñen a propiedade de catalizar unha reacción química específica, polo que teñen actividade de enzimas.
A descuberta destas moléculas nos anos 1980, realizada independentemente por Thomas Cech e Sidney Altman, foi unha gran sorpresa naquel momento, porque ata entón as proteínas eran as únicas macromoléculas coñecidas que podían catalizar reaccións químicas.
As propiedades catalíticas dos ribozimas están ligadas á capacidade do ARN de sufrir pregamento para formar unha estrutura compacta ben definida, que, como sucede nas proteínas, permite a formación de cavidades que forman sitios de fixación de ligandos (centros activos). Alí están situados grupos químicos reactivos coa orientación precisa, que realizan a catálise propiamente dita.
Algúns ribozimas poden usarse como axentes terapéuticos, como biosensores, ou teñen aplicacións en xenómica funcional e na descuberta de xenes.[3]