Rocha de Xibraltar
From Wikipedia, the free encyclopedia
A Rocha de Xibraltar (en castelán: Peñón de Gibraltar, en inglés: Rock of Gibraltar) é unha península angosta e rochosa que sobresae de xeito pronunciado nun dos ángulos da baía de Alxeciras. Trátase dun fenómeno xeolóxico, colocado no paso entre o Atlántico e o Mediterráneo. A Rocha é propiedade da Coroa do Reino Unido e limita ao norte con España. A soberanía sobre Xibraltar foi transferida ao reino da Gran Bretaña en 1713 mediante o Tratado de Utrecht tras a guerra de sucesión española.[1]
Ten 6,8 quilómetros de superficie e na súa parte máis larga só 1,2 quilómetros. As súas paredes son moi verticais e caen sobre o mar dende a súa máxima altura de 426 metros. Estas características fan que fose un paso marítimo moi importante e que dende el se puidese controlar o tráfico de barcos polo Estreito. A rocha aparece mencionada no mito das columnas de Hércules, que o heroe grego separaría para crear o paso do Estreito, lenda que se recolle no escudo de España.
A rocha está unida á terra firme por un baixo istmo areoso de 1.600 metros de longo e 800 metros de largo. Integramente dentro do territorio de Xibraltar, pertence ao Reino Unido.