Sinfonía núm. 3 (Górecki)
From Wikipedia, the free encyclopedia
A Sinfonía núm. 3, Op. 36, tamén coñecida como Sinfonía das cancións doentes,[1] Sinfonía das cancións tristes[2] ou Sinfonía das lamentacións[3] (en polaco, Symfonia pieśni żałosnych), é unha sinfonía en tres movementos composta polo compositor Henryk Górecki en Katowice (Polonia), entre outubro e decembro de 1976. Esta obra é representativa da transición do compositor entre o seu estilo disonante temperán e o outro máis tonal posterior. Foi estreada o 4 de abril do ano seguinte pola SWR Sinfonieorchester Baden-Baden und Freiburg e a soprano Stefania Woytowicz baixo a batuta de Ernest Bour no Festival de Royan.[4]
Sinfonía núm. 3 | |
---|---|
de Henryk Górecki | |
Górecki en 1993. | |
Xénero | Sinfónico |
Forma | Sinfonía |
Texto | Varios |
Lingua | Polonés |
Composición | 1976, Katowice |
Gravación | 1978 |
Movementos | 3 |
Estrea | |
Data | 4 de abril de 1977 |
Lugar | Royan |
Director | Ernest Bour |
Intérpretes | SWR Sinfonieorchester Baden-Baden und Freiburg Stefania Woytowicz |
A sinfonía está escrita para orquestra e soprano. Esta canta un texto polonés distinto en cada un dos tres movementos:[5] no primeiro, un lamento atribuído á Virxe María escrito no século XV; no segundo, unha mensaxe escrita na parede dunha cárcere da Gestapo durante a segunda guerra mundial; no terceiro, unha canción folclórica sobre unha nai que busca ao seu fillo, asasinado durante a insurrección silesiana de 1919.[6] O primeiro e o terceiro movementos están escritos dende a perspectiva dos pais que perden un fillo, e o segundo movemento dende a do fillo que é separado dos seus pais. O tema central da sinfonía é, polo tanto, o da maternidade e a separación dos seres queridos por culpa da guerra.
Ata 1992, Górecki só era coñecido entre entendidos, unicamente como un dos moitos compositores do chamado «Renacemento musical polonés» da posguerra.[7] Finalmente, ese ano, a compañía Elektra Records lanzou unha gravación titulada Symphony No. 3 (15 anos despois da súa composición) que situouse entre as máis vendidas nas listas de música clásica de Gran Bretaña e os Estados Unidos.[8][9] Dende aquela vendéronse máis dun millón de copias, o que lle supuxo a obtención dun disco de ouro en Gran Bretaña o 1 de febreiro do ano seguinte,[10] superando con creces as vendas estimadas de toda unha vida dunha gravación típica dun compositor do século XX.[11] Este éxito, con todo, non logrou atraer a atención do público cara ao resto da produción de Górecki.[12]