Sinfonías espurias ou de dubidosa autoría de Wolfgang Amadeus Mozart
From Wikipedia, the free encyclopedia
Esta lista de sinfonías espurias ou de dubidosa autoría de Wolfgang Amadeus Mozart contén trinta e nove obras sinfónicas atribuídas nun principio ao compositor austríaco, e posteriormente probadas como espurias ou sobre cuxa autenticidade se teñen continuas dúbidas. Non se coñece con precisión o número real de sinfonías escritas por Mozart; das corenta e unha formalmente numeradas, hai tres (números 2, 3 e 37) das que se sabe sen ningunha dúbida que pertencen a outros compositores; por outra banda, os especialistas non están seguros da autoría da n.º 11. Con todo, á parte da secuencia aceptada de sinfonías números 1-41, existen outras vinte sinfonías auténticas de Mozart[lower-alpha 1] e, amais destas, unha longa lista de composicións problemáticas que non foron autenticadas como obras de Mozart. Algunhas destas composicións poden ser auténticas; de feito, as obras dubidosas son tratadas con frecuencia como auténticas polos que elaboran edicións recompilatorias.[lower-alpha 2] Non obstante, algunhas foron aceptadas durante moito tempo como obras doutros compositores, os cales foron identificados en moitos casos.
Moitas das dificultades de autenticación xorden coas sinfonías temperás de Mozart, das que se perderon as partituras autógrafas. Nalgunhas desapareceu completamente o corpo principal da obra, e só sabemos da súa existencia a raíz de que se conservou o incipit (anotación dos primeiros compases) catalogado por Breitkopf und Härtel, que publicou a Alte Mozart-Ausgabe (AMA) en 1883. Os informais métodos de publicación e distribución de obras musicais do século XVIII é, do mesmo xeito, causa de confusión. Os erros de catalogación, baseados en información desaxeitada, e en ocasións unha impaciencia excesiva por atribuír novos descubrimentos a Mozart, agravaron o problema. Con todo, a lista de sinfonías «espurias e dubidosas» non é fixa, en tanto que poden xurdir novas evidencias que leven á autenticación das obras dubidosas, do mesmo xeito que, nun futuro, sinfonías xeralmente aceptadas como da autoría de Mozart poderían ser cualificadas como dubidosas ou mesmo ser consideradas espurias.