Tartaruga mariña común
From Wikipedia, the free encyclopedia
A tartaruga mariña común[6] (Caretta caretta) é unha especie de tartaruga mariña pertencente á familia Cheloniidae. Habita no océano Atlántico, Pacífico e Índico, e no Mediterráneo. Tamén se pode ver polas costas galegas (ver Lista de réptiles de Galicia). Actualmente é a única especie do xénero Caretta. Pasa a maior parte da súa vida en hábitats mariños e estuarios, e a femia só sobe brevemente á praia para desovar. Ten unha baixa taxa de reprodución; as femias fan como media catro postas de ovos e logo pasan por un período de quiescencia no cal non poñen ovos durante dous ou tres anos. Chega á madureza sexual entre os 17 e os 33 anos e ten unha lonxevidade de 47 a 67 anos.[7]
Tartaruga mariña común Rango fósil: 40 Ma-0 Ma Eoceno - Actual[1] | |||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Tartaruga mariña común nadando nun acuario. | |||||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||||
En perigo[2] | |||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||
'Caretta caretta' (Linnaeus, 1758) | |||||||||||||||||||
Distribución de C. careta
Lista
|
As tartarugas adultas miden como media uns 90 cm de longo e teñen un peso medio de 135 kg, aínda que tamén se rexistraron exemplares máis grandes cunha lonxitude de ata 213 cm e un peso de ata 545 kg. A cor da pel varía desde amarelo a marrón, e a coiraza (cuncha) é tipicamente marrón–avermellada. A diferenza máis clara entre machos e femias adultos é que os machos teñen colas máis grosas e plastróns máis curtos que as femias. Non hai dimorfismo sexual entre femias e machos xuvenís.
É unha especie omnívora, que se alimenta principalmente de invertebrados que viven no leito mariño. As súas mandíbulas son grandes e poderosas e serven como unha ferramenta eficaz para desfacer as presas. As tartarugas neonatas teñen numerosos depredadores e os ovos son especialmente vulnerables a depredadores e organismos terrestres. Unha vez que alcanzan a idade adulta, o seu gran tamaño fai que os seus depredadores se limiten basicamente aos tiburóns.
É considerada unha especie en perigo de extinción pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Os aparellos de pesca desatendidos son responsables de moitas mortes entre as tartarugas mariñas, incluíndo C. caretta. Tamén poden afogarse cando quedan atrapadas en redes de arrastre. Para reducir a mortalidade, utilízanse redes con dispositivos que exclúen as tartarugas mariñas, que lles proporcionan unha vía de escape se quedan atrapadas nas redes. A perda de praias de desove axeitadas e a introdución de depredadores exóticos tamén afectan ás poboacións de C. caretta. Os esforzos de conservación requiren a cooperación internacional, xa que estas tartarugas vagan por vastas áreas e porque as praias de desove esenciais para a súa reprodución están espalladas por moitos países.