Touro Sentado
xefe indio norteamericano da tribo dos síux hunkpapa / From Wikipedia, the free encyclopedia
Touro Sentado[1] (en lakota: Tȟatȟáŋka Íyotake;[2] en inglés: Sitting Bull), nado co nome Húŋkešni (Lento) ou Ȟoká Psíče (Teixugo saltador) en Grand River, no Territorio de Dacota en 1831[3] e finado na reserva india de Standing Rock o 15 de decembro de 1890,[4] foi un líder dos lakota hunkpapa que dirixiu ao seu pobo durante anos de resistencia contra as políticas do goberno dos Estados Unidos. Foi asasinado pola policía da axencia india na reserva india de Standing Rock durante un intento de arrestalo, nun momento no que as autoridades temían que se unise ao movemento da danza dos espíritos.[5]
(1885) | |
Nome orixinal | (mis) Tȟatȟáŋkja Íyotakke |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | (en) Jumping Badger 1831 Grand River, Estados Unidos de América |
Morte | 15 de decembro de 1890 (58/59 anos) Territorio de Dacota, Estados Unidos de América |
Causa da morte | ferida por arma de fogo |
Xefe tribal | |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Estados Unidos de América |
Grupo étnico | Pobo lakota |
Actividade | |
Campo de traballo | Sioux |
Ocupación | Xefe tribal , curandeiro |
Lingua | Lingua inglesa, Lingua síux e Lingua lakota |
Carreira militar | |
Conflito | Guerre das Black Hills |
Participou en | |
25 de xuño de 1876 | Batalla de Little Bighorn |
Familia | |
Cónxuxe | Light Hair Seen-by-her-Nation Snow-on-Her Four-Robes-Woman Scarlet Woman |
Fillos | Crow Foot () fillo de Touro Sentado () |
Antes da batalla de Little Bighorn, Touro Sentado tivo unha visión na que viu moitos soldados, "tan grosos coma saltóns", caendo boca abaixo no campamento dos lakota, o cal o seu pobo tomou como presaxio dunha gran vitoria na que morrían moitos soldados.[6] Unhas tres semanas despois, as tribos lakota confederadas cos cheyennes do norte derrotaron ao 7º de Cabalaría ao mando do Tenente Coronel George Armstrong Custer o 25 de xuño de 1876, aniquilando o batallón de Custer e confirmando a visión profética de Touro Sentado.
O liderado de Touro Sentado inspirou ao seu pobo a unha gran vitoria. En resposta, o goberno dos Estados Unidos enviou milleiros de soldados máis á zona, o que obrigou a moitos dos lakota a renderse durante o próximo ano. Touro Sentado negouse a renderse, e en maio de 1877, dirixiu a súa banda cara ao norte até Wood Mountain, Territorio do Noroeste (agora Saskatchewan). Permaneceu alí até 1881, momento no que el e a maior parte da súa banda regresaron a territorio estadounidense e rendéronse ás forzas estadounidenses.
Despois de traballar como artista no espectáculo Buffalo Bill's Wild West, Touro Sentado regresou a Standing Rock en Dacota do Sur. Debido ao temor de que usase a súa influencia para apoiar o movemento da danza dos espíritos, o axente do Indian Service James McLaughlin en Fort Yates ordenou o seu arresto. Durante unha loita posterior entre os seguidores de Touro Sentado e a policía da axencia, Touro Sentado recibiu un disparo no costado e na cabeza polos policías de Standing Rock, o tenente Bull Head (Tatankapah, lakota: Tȟatȟáŋka Pȟá) e Red Tomahawk (Marcelus Chankpidutah, lakota: Čhaŋȟpí Dúta), despois de que os partidarios de Touro Sentado dispararan contra a policía. O seu corpo foi levado preto de Fort Yates para ser enterrado. En 1953, a súa familia lakota exhumou o que se cría que eran os seus restos, enterrándoos preto de Mobridge, Dacota do Sur, preto do seu lugar de nacemento.