Unión de extremos mediada por microhomoloxía
From Wikipedia, the free encyclopedia
A unión de extremos mediada por microhomoloxía ou MMEJ (do inglés microhomology-mediated end joining), tamén chamada unión de extremos non homólogos alternativa (Alt-NHEJ), é unha das vías de reparación do ADN utilizada para reparar roturas de dobre febra no ADN. Segundo McVey e Lee,[1] a propiedade máis distintiva do MMEJ é o uso de secuencias microhomólogas de 5 a 25 pares de bases durante o aliñamento dos extremos rotos antes de unilos, o que ten como resultado delecións (perda de material xenético) que flanquean a rotura orixinal. Deste xeito, a MMEJ asóciase frecuentemente con anormalidades cromosómicas como delecións, translocacións, inversións e outros rearranxos complexos.
Outros dous mecanismos ben coñecidos para reparar roturas de dobre febra son a unión de extremos non homólogos e a recombinación homóloga, que non utilizan este tipo de secuencias microhomólogas para aliñar e despois unir as febras rotas. A MMEJ usa mecanismos de reparación independentes da DNA-PK e da proteína Ku, e a reparación ocorre durante a fase S do ciclo celular, en vez de producirse na fase G0/G1 e inicio da fase S coma na NHEJ e ao final da fase S e G2 coma na recombinación homóloga.
A MMEJ funciona ligando as febras non apareadas colgantes que sobresaen do ADN roto, eliminando os nucleótidos que quedan colgando, e enchendo o oco onde estaban as bases perdidas. Cando ocorre unha rotura, identifícase unha homoloxía de 5 a 25 pares de bases complementarias en ambos os extremos e úsase para aliñar as febras cos extremos discordantes. Unha vez aliñados, elimínase calquera tramo de bases que sobresae (solapas colgantes) e as bases discordantes das febras e insírese calquera nucleótido que se perdera. Como o único modo que ten este método para identificar se as dúas febras están relacionadas está baseado na microhomoloxía augas abaixo/arriba do sitio de rotura, non identifica ningún par de bases que se puidese ter perdido durante a rotura, e elimina nucleótidos (solapas) para ligar os extremos. A MMEJ liga as febras de ADN sen comprobar a coherencia e causa delecións ao eliminar as solapas.
A MMEJ é un método tendente ao erro de reparación e orixina mutacións por deleción na información xenética, o cal pode iniciar a creación de oncoxenes, que poderían orixinar o desenvolvemento dun cancro. Na maioría dos casos a célula usa a MMEJ só cando non é posible usar (ou sería inapropiado) o método NHEJ, debido á desvantaxe que supón a introdución de delecións no xenoma.