Xenómica comparada
From Wikipedia, the free encyclopedia
A xenética comparada é un campo da investigación biolóxica na cal se comparan as características xenómicas de diferentes organismos.[2][3] As características xeómicas poden incluír a secuencia de ADN, xenes, orde dos xenes, secuencias regulatorias e outros puntos de referencia estruturais xenómicos.[3] Nesta rama da xenómica, compáranse grandes partes do xenoma ou o xenoma completo resultantes dos proxectos xenoma para estudar semellanzas e diferenzas biolóxicas básicas así como as relacións evolutivas entre organismos.[2][4][5] O principio básico da xenómica comparada é que as características comúns de dous organismos serán a miúdo codificadas por ADN que está conservada evolutivamente entre eles.[6] Por tanto, as estratexias da xenómica comparada empezan facendo algunha forma de aliñamento de secuencias xenómicas e buscando secuencias ortólogas (secuencias que comparten unha ascendencia común) nos xenomas aliñados e comprobando en que medida estas secuencias están conservadas. Baseándose nisto, infirense a evolución do xenoma e a molecular e isto, á súa vez, pode poñerse en contexto, por exemplo, na evolución fenotípica ou na xenética de poboacións.[7]
Empezou virtualmente axiña que se puido dispoñer, en 1995, dos xenomas completos de dous organismos (que foron os xenomas das bacterias Haemophilus influenzae e Mycoplasma genitalium), e agora a xenómica comparada é un compoñente estándar da análise de cada nova secuencia de xenómica.[2][8] Coa exposición no número de proxectos xenoma debido aos avances nas tecnoloxías de secuenciación do ADN, especialmente os métodos de secuenciación de seguinte xeración a finais da década do 2000, este campo fíxose mais sofisticado, facendo posible tratar con moitos xenomas nun só estudo.[9] A xenómica comparada revelou a existencia de grandes niveis de similitude entre organismos estreitamente relacionados, como os humanos e os chimpancés e, máis sorprendentemente, a semellanza entre organismos que teñen unha relación moi distante, como humanos e o lévedo Saccharomyces cerevisiae.[4] Tamén mostrou a extrema diversidade da composición xénica en diferentes liñaxes evolutivas.[8]