Xogos Olímpicos
maior evento deportivo internacional / From Wikipedia, the free encyclopedia
Os Xogos Olímpicos[2] (Jeux Olympiques en francés, e Olympic Games en inglés),[3][4]:54 ou olimpíadas[5] son o maior evento deportivo internacional multidisciplinario no que participan atletas de diversas partes do mundo. Os Xogos Olímpicos son considerados a principal competición do mundo deportivo, con máis de duascentas nacións participantes.[6] Existen dous tipos: os Xogos Olímpicos de Verán e os Xogos Olímpicos de Inverno, que se realizan cun intervalo de dous anos, segundo a Carta Olímpica: «Os xogos da olimpíada celébranse durante o primeiro ano dunha olimpíada, e os Xogos Olímpicos de inverno durante o seu terceiro ano».[4]:23 Os Xogos Olímpicos modernos inspiráronse nos do século VIII a. C. organizados polos antigos gregos na cidade de Olimpia, entre os anos 776 a. C. e o 393 d. C. No século XIX, xurdiu a idea de realizar uns eventos similares aos organizados na antigüidade, os que se concretarían principalmente grazas ás xestións do nobre francés Pierre Frèdy, barón de Coubertin. O barón de Coubertin fundou o Comité Olímpico Internacional (COI) en 1894. Desde entón, o COI converteuse no órgano coordinador do Movemento Olímpico, coa Carta Olímpica que define a súa estrutura e autoridade.
- Para os Xogos Olímpicos na Antigüidade véxase este artigo.
A primeira edición dos chamados Xogos Olímpicos da era moderna leváronse a cabo en Atenas, capital de Grecia, a partir do 6 de abril de 1896. Desde aquela oportunidade, foron realizados cada catro anos en diversas cidades do mundo, sendo as únicas excepcións as edicións de 1916, 1940 e 1944, debido ao estalido da primeira e segunda guerra mundial.
A evolución do movemento olímpico durante os séculos XX e XXI deu lugar a varias modificacións nos Xogos Olímpicos. Algúns destes axustes inclúen a creación dos xogos de inverno para deportes invernais, os Xogos Paralímpicos para atletas con algún tipo de discapacidade e os Xogos Olímpicos da Mocidade para atletas adolescentes. Os Xogos Olímpicos de inverno realizáronse por primeira vez en 1924, na localidade francesa de Chamonix. Orixinalmente realizados como parte do evento de verán, o COI considerounos como un evento separado retroactivamente, e desde esa data comezaron a realizarse no mesmo ano que os xogos orixinais. Posteriormente, co fin de potenciar o desenvolvemento dos eventos invernais, o COI decidiu desfasar a realización dos Xogos invernais a partir de Lillehammer 1994. Desde esa data, os Xogos Olímpicos de Inverno realízanse nos anos pares entre dous Xogos de Verán. Os primeiros Xogos Olímpicos da Mocidade de Verán celebráronse en Singapur en 2010, mentres que os Xogos Olímpicos da Mocidade de Inverno celebráronse en Innsbruck en 2012.
O COI tivo que adaptarse a unha variedade de avances económicos, políticos e tecnolóxicos. Como resultado, os Xogos Olímpicos afastáronse do amateurismo puro, segundo o previsto por Coubertin, para permitir a participación dos atletas profesionais. A crecente importancia dos medios de comunicación de masas iniciou o tema de patrocinio das empresas e a comercialización dos Xogos. Grandes boicots realizáronse durante a Guerra fría nos Xogos de 1980 e 1984.
O Movemento Olímpico consta de Federacións Internacionais de cada deporte, Comités Olímpicos Nacionais e Comités Organizadores de cada edición. O COI é responsable da elección da cidade sede. Segundo a Carta Olímpica, a cidade anfitrioa é responsable da organización e o financiamiento dos Xogos. O programa olímpico, composto polos deportes disputados nos Xogos, tamén está determinado polo COI. Existen diversos símbolos e cerimonias olímpicas, como a bandeira e a facho olímpico, así como as cerimonias de apertura e clausura. Preto de 13 000 atletas compiten nos Xogos Olímpicos de Verán e Inverno en 33 deportes diferentes e en aproximadamente 400 eventos. Os gañadores do primeiro, segundo e terceiro lugar en cada evento reciben medallas olímpicas: ouro, prata e bronce, respectivamente.
Os Xogos Olímpicos constitúen unha oportunidade para o país e a cidade sede de darse a coñecer ao mundo.[Cómpre referencia]Na actualidade case todos os países están representados nos Xogos Olímpicos. Isto provocou diversos problemas: dopaxe, subornos e actos de terrorismo. Cada dous anos, os Xogos Olímpicos e a súa exposición aos medios, proporcionan aos atletas descoñecidos a oportunidade de alcanzar a fama nacional e internacional, ao tempo que lles fai estar suxeitos a múltiples presións, o cal fai que algúns deles utilizen substancias dopantes para mellorar os seus logros, moitas veces poñendo en perigo a súa saúde. O Comité Olímpico Internacional estableceu dende 1968 os chamados controis anti-dopaxe que poden ser realizados en calquera momento a petición do COI e que poden desencadear a descualificación inmendiata do atleta que dea positivo nese control.