Enxerto (agricultura)
From Wikipedia, the free encyclopedia
Un enxerto é un método de multiplicación vexetativa artificial dos vexetais que consiste en enxerir unha parte do tecido dunha planta ou árbore (o esgallo, escallo, puga ou tano) no tronco ou póla doutra (o padrón, pé ou portaenxertos ), para que se desenvolva alí O enxerto emprégase especialmente para propagar vexetais lígneos de uso comercial, sexan froiteiras ou ornamentais.[1] O enxerto emprégase para permitir o crecemento de variedade de valor comercial en terreos ou circunstancias que lles son desfavorábeis, aproveitando a maior resistencia do pé usado, ou para asegurarse que as características produtivas dun exemplar se manteñen inalteradas, fronte á dispersión xenética que introduce a reprodución sexual. No caso de híbridos de número cromosómico impar, que son estériles por natureza, a propagación vexetativa é o único xeito de reprodución posíbel. Máis raramente, o enxerto úsase para unir máis dunhas variedade dun mesmo padrón, obtendo así un único exemplar que produce froitos ou flores de varias características diferentes. O enxerto só é posíbel entre especies máis ou menos estreitamente relacionadas, posto que doutro xeito os tecidos resultan incompatíbeis e a conexión vascular necesaria para a supervivencia da variedade non se realiza. Normalmente o límite está dado pola pertenza a un mesmo xénero, aínda que existen excepcións; xéneros estreitamente emparentados, como algúns das rutáceas, das cucurbitáceas, ou das rosáceas, que poden funcionar como pé para especies afíns. Un exemplo moi empregado en Galiza é o do estripeiro como padrón para outras froiteiras, todas elas rosáceas. Na meirande parte dos casos, unha das variedades selecciónase coma raíz pola súa resistencia, e o talo da especie elixida como variedade enxírese sobre esta base. Noutros casos, unha xema da variedade inxírese lateralmente no toro do padrón, e só logo de se asegurar a fusión positiva se corta este último.