Fight Club
filme de 1999 dirixido por David Fincher / From Wikipedia, the free encyclopedia
Fight Club é un filme estadounidense de 1999 baseado na novela homónima de 1996 escrita por Chuck Palahniuk, dirixido por David Fincher con Brad Pitt, Edward Norton e Helena Bonham Carter coma protagonistas. Norton representa o protagonista sen nome, ó que se fai referencia como Narrador, un home insatisfeito co seu traballo de oficina e con problemas de insomnio que forma un "club da loita" co fabricante de xabón Tyler Durden, representado por Pitt, ó que se unen outros homes que queren loitar entre eles por diversión. O Narrador vese envolto nunha complicada relación con Durden e con Marla Singer, representada por Bonham Carter, mentres que o club evoluciona cara a unha organización anticapitalista que leva a cabo un ataque terrorista.
Fight Club | |
---|---|
Ficha técnica | |
Título orixinal | Fight Club |
Director | David Fincher |
Produtor | Art Linson Ceán Chaffin Ross Grayson Bell |
Guión | Jim Uhls |
Baseado en | Fight Club de Chuck Palahniuk |
Intérpretes | Brad Pitt Edward Norton Helena Bonham Carter Meat Loaf Aday Jared Leto |
Música | Dust Brothers |
Fotografía | Jeff Cronenweth |
Montaxe | James Haygood |
Estudio | Fox 2000 Pictures Regency Enterprises Linson Films |
Distribuidora | 20th Century Fox |
Estrea | 1999 |
Duración | 139 minutos |
Orixe | Estados Unidos |
Orzamento | 63 000 000 $[1] |
Recadación | 100 900 000 $[1] |
Na rede | |
http://www.foxmovies.com/fightclub e https://www.20thcenturystudios.com/movies/fight-club | |
|
A produtora de 20th Century Fox Laura Ziskin obtivo os dereitos da novela de Palahniuk e contratou a Jim Uhls para escribir a adaptación cinematográfica. Fincher foi un dos directores que os produtores consideraron para o filme, sendo finalmente o seleccionado polo entusiasmo que amosou en facer a película. Fincher desenvolveu o guión xunto a Uhls e procurou consello para o mesmo no propio elenco de actores e outros membros da industria do cinema. A súa intención era que a violencia de Fight Club servise como metáfora para o conflito entre unha xeración de xente nova e o sistema de valores da publicidade, ademais de copiar as alusións homoeróticas da novela de Palahniuk para incomodar a audiencia e previr que anticipase o xiro argumental da fin do filme.
Ós executivos dos estudios de produción non lles gustou o filme e reestruturaron a campaña de publicidade planeada por Fincher para tentar reducir as perdas que anticipaban. Fight Club non conseguiu acadar as expectacións de recadación nos cinemas das produtoras e tivo unha recepción polarizada por parte da crítica, que eloxiou a actuación, dirección, temática e mensaxe do filme pero criticou a violencia explícita e a ambigüidade moral do mesmo. O filme citouse como un dos máis controvertidos e falados de 1999, obtendo o éxito comercial e de crítica posteriormente trala súa publicación en formato DVD e pasando a estar considerado coma un filme de culto.