Xeografía
ciencia que estuda o territorio, os habitantes e os fenómenos da Terra / From Wikipedia, the free encyclopedia
A xeografía (provén do latín geographĭa e este dende o grego «γεωγραφία» xeografía 'descrición da terra'[1], composto de "η γη" (hê gê) a Terra e "γραφειν" [graphein] describir, debuxar) é a ciencia que ten por obxectivo o estudo e a representación gráfica da superficie terrestre así como a distribución espacial de fenómenos significativos na paisaxe.[2][3] Tamén estuda a relación recíproca entre a superficie terrestre e a Lúa e o Sol (xeografía matemática), e entre os humanos e o ambiente (xeografía humana). Un dos temas centrais da xeografía é a relación home-natureza. A natureza enténdese aquí como as forzas que xeraron ou contribúen a moldear o espazo xeográfico, é dicir, a dinámica e interaccións que existen entre a atmosfera, litosfera, hidrosfera e biosfera.
Mapa da Terra. | |
Orixe do nome | γεογραπηία, grego |
---|---|
Orixe | Grecia, séc. III a.C., Eratóstenes |
Influencias | química, xeoloxía, matemática, historia, física, astronomía, antropoloxía, ecoloxía, positivismo lóxico |
Influenciados | matemática, astronomía, política, economía, arquitectura, urbanismo, turismo, socioloxía, marxismo, dereitoetc. |
Principais nomes | Heródoto, Estrabón, Pitágoras, Aristóteles, Eratóstenes de Cirene, Tolomeo, Al-Idrisi, Ibn Battuta, Ibn Khaldún, Abraham Ortelius, Bernhardus Varenius, Gerardus Mercator, James Cook, Alexander von Humboldt, Immanuel Kant, Carl Ritter, Ferdinand von Richthofen, Piotr Kropotkin, Eliseé Reclus, Friedrich Ratzel, Paul Vidal de la Blache, Emmanuel DeMartone, Pierre George, William Morris Davis, Milton Santos, Aziz Ab'Saber, Jurandyr Ross, José William Vesentini, David Harvey, Alfred Hettner, Ruy Moreira, entre outros |
Definición | estuda o conxunto de fenómenos naturais e humanos que constitúen aspectos da superficie da Terra, considerada na súa distribución e relacións recíprocas. |
Coñecida por | utilizar mapas para localización, viaxes e estudos de lugares. |
Pretende | estabelecer relación de espazo entre o home e a natureza |
Divisións | Xeografía física, Xeografía humana, Xeografía econômica |
Ramificacións | climatoloxía, xeomorfoloxía, bioxeografía, hidroloxía, edafoloxía, xeografía matemática, oceanografía, meteoroloxía, xeografía da poboación, antropoxeografía, xeografía económica, xeografía social, xeografía urbana, xeografía política, xeografía histórica |
O primeiro autor en utilizar a palabra Xeografía foi Eratóstenes (276-194 a. C.) nunha obra hoxe en día perdida. Con todo, a fundación da xeografía atribúeselle ao tamén considerado pai da Historia, Heródoto (484-425 a. C.). Para os gregos é a descrición racional da Terra, e particularmente para Estrabón, é o estudo das distintas rexións humanas como base para a formación do político.
Existen catro tradicións históricas na investigación xeográfica, as cales son: a análise espacial de fenómenos naturais e humanos, os estudos do territorio (do lugar á rexión), o estudo da relación entre o home e a súa contorna, e a investigación das ciencias da Terra.[4]
A Xeografía moderna é unha disciplina cuxo obxectivo primordial é a explicación de toda unha serie de fenómenos naturais e sociais e non se refire só á localización deses fenómenos, senón que tamén estuda como son e como cambiaron para chegar a ser o que son. A Xeografía divídese en dúas ramas principais, a saber, xeografía xeral e xeografía rexional.
Isto quere dicir que a xeografía é unha ciencia que se cuestiona simultaneamente polas pegadas deixadas polas sociedades (desenvolvemento dos espazos) ou a natureza (oroxénese das montañas, impacto do clima, etc.); así mesmo, a dinámica e organización espacial das sociedades e á súa vez as do medio físico (como o cambio climático ou o aumento do nivel medio do mar). É por iso que a Xeografía interésase nos fundamentos (físicos e humanos) así como nas dinámicas (demográficas, socio-económicas, culturais, climáticas, bioxeográficas, xeomorfolóxicas) que teñen lugar nas distintas rexións. Doutra banda esta disciplina comezou a integrar aos poucos diversos campos culturais, como a pintura paisaxista, a literatura descritiva e inclusive o cine.