Eurogrupo
From Wikipedia, the free encyclopedia
O Eurogrupo é un órgano informal no que os ministros dos 19 Estados membros da eurozona examinan cuestións vinculadas ás responsabilidades comúns dos seus respectivos países en relación co euro.[1]
Pertencente ao ámbito da Unión Europea (UE), o Eurogrupo congrega polo menos unha vez ao mes aos ministros de Economía e Finanzas dos Estados membros da Unión cuxa moeda é o euro (Francia, Bélxica, Países Baixos, Luxemburgo, Alemaña, Italia, Irlanda, Grecia, Portugal, España, Austria, Finlandia, Eslovenia, Chipre, Malta, Eslovaquia, Estonia, Letonia e Lituania), ao presidente do Banco Central Europeo, ao comisario europeo de Asuntos Económicos e Monetarios e ao seu propio presidente, elixido por maioría dos Estados membros para un período de dous anos e medio.
Dentro do suposto déficit democrático da Unión Europea, a natureza xurídica do Eurogrupo é discutida por ser un órgano integrado no Consello e estar por tanto institucionalizado, pero mantendo porén o seu carácter informal. Este carácter dual vén así mesmo recollido, con idéntica ambigüidade, no Protocolo número 14 dos Tratados da Unión Europea, que o regula desde a entrada en vigor do Tratado de Lisboa, como un signo máis da súa progresiva institucionalización. Todo isto leva a algúns comunitaristas a consideralo unha formación moi peculiar do Consello.