Folk metal
From Wikipedia, the free encyclopedia
O folk metal é un xénero de fusión do heavy metal e a música folk tradicional xurdido en Europa nos anos 1990. A música deste xénero caracterízase pola mestura de diversos estilos de heavy metal coa música folk, sendo habitual o uso de instrumentos folclóricos xunto aos tradicionais do heavy metal,[1] en ocasións incluíndo estilos de canto tradicionais.[2] Algúns grupos tamén empregan teclados para simular o son dos instrumentos tradicionais.[3][4] As letras das cancións neste xénero adoitan tratar sobre temas como a fantasía,[5][6][7] mitoloxía,[8][9] paganismo,[10] historia[8][9] e natureza.[1]
Folk metal | |
---|---|
Orixe musical | Heavy metal, música folk, folk rock |
Orixe cultural | Anos 1990 en Europa |
Instrumentos típicos | Guitarra eléctrica, baixo, batería, voz (música), instrumentos folk |
Derivados | Viking metal, Pagan metal |
Subxéneros | |
Celtic metal, Medieval metal, Pirate metal | |
Considérase aos grupos Skyclad, Moonspell e Amorphis como os pioneiros deste xénero.[11][12][13][14] A mediados dos anos 1990 outros grupos comezaron a xurdir en diversas zonas de Europa, como por exemplo os irlandeses Cruachan e os alemáns Subway to Sally, cada un deles encabezando as variacións de estilo que serían denominadas celtic metal e medieval metal respectivamente.[15][16] Malia as contribucións destes primeiros grupos, non foi ata comezos dos anos 2000 que o xénero acadou unha gran popularidade, particularmente en Finlandia con grupos como Finntroll,[17] Ensiferum,[18] Korpiklaani,[19] Turisas[20] e Moonsorrow.[21]