Viking metal
From Wikipedia, the free encyclopedia
O viking metal é un estilo con orixes no black metal e a música folk nórdica,[1][2] caracterizado polas súas letras e temáticas centradas na mitoloxía nórdica, o paganismo nórdico e a era viquinga.[3] Algunhas das características musicais comúns nos grupos incluídos neste xénero son os estilos pesados e lentos de guitarra, os coros en forma de himno, uso conxunto de voces limpas e gritos, uso de instrumentos propios da música folk e inclusión de teclados para xerar un efecto musical atmosférico.[4] Este xénero comezou a desenvolverse nos anos 1980 e 1990 como forma de rexeitar o satanismo e ocultismo propios do black metal,[5] acollendo no seu lugar a mitoloxía nórdica dos viquingos e o paganismo como forma de oposición ao cristianismo.[5] Presenta similitudes na lírica, sons e temática ao pagan metal, aínda que este último presenta un rango mitolóxico máis amplo e un uso máis extensivo da instrumentación folk.[6]
Viking metal | |
---|---|
Orixe musical | Black metal, Folk metal |
Orixe cultural | Finais dos anos 1980s – anos 1990 nos países nórdicos de Europa |
Instrumentos típicos | Guitarra eléctrica, baixo, batería, teclado, instrumentos folk |
O grupo sueco Bathory acredítase como o pioneiro deste estilo cos seus álbums Blood Fire Death de 1988 e Hammerheart de 1990.[7] Os noruegueses Enslaved seguiron estes pasos cos álbums Hordanes Land de 1993 e Vikingligr Veldi de 1994.[8][9] Burzum,[10] Emperor,[11] Einherjer,[12][13][14] e Helheim[15][16], entre outros grupos, continuaron desenvolvendo o xénero a comezos e mediados dos anos 1990. Os grupos de death metal Unleashed e Amon Amarth tamén adoptaron estas temáticas viquingas, ampliando o estilo dende a súa orixe no black metal cara a outros xéneros.[17]