Mar
corpo de auga salgada rodeado por terra en parte ou na súa totalidade / From Wikipedia, the free encyclopedia
O mar[1] é un gran corpo de auga salgada rodeado por terra en parte ou na súa totalidade.[2] Máis amplamente, mar - como un artigo definido - é o sistema interconectado de augas dos océanos, considerando estes un océano global e o conxunto das varias divisións oceánicas principais. O mar modera o clima da Terra e desempeña importante papel nos ciclos da auga, do carbono e do nitróxeno. Aínda que foi canle para viaxes e exploracións desde a prehistoria, o seu estudo científico contemporáneo, a oceanografía, data da expedición Challenger británica, durante a década de 1870.[3] O mar está, por convención, dividido en cinco grandes seccións oceánicas, entre elas as catro instituídas pola OHI[4], que son o Atlántico, Pacífico, Índico e Ártico, máis o Antártico[5], seccións menores de segunda orde, como o Mediterráneo, son coñecidos como mares, así mesmo o termo tamén se usa para grandes lagos salinos que non teñen saída natural, como o mar Caspio, o mar de Aral e máis o mar Morto.
Compoñente vital da biosfera, o mar contén o 97,2% de toda a auga presente na Terra. | |
Diferentes formas de vida mariña a primeira foto mostra unha Actinia fragacea. Anemone fotografada en Camariñas, na segunda mostrase diferentes formas coralinas | |
Tsunami provocado polo terremoto do océano Índico do 2004 en Tailandia. | |
Baleas e luras son formas de vida mariña entre as moitas e diferentes que se dan nos mares |
Debido o actual estado da deriva continental, o hemisferio norte configúrase cunha división equitativa entre a terra e o mar (cunha proporción de 2:3), mentres que no hemisferio sur é predominantemente oceánico (1:4,7)[6]. A salinidade en mar a fóra é, en xeral, de aproximadamente o 3,5% da masa, non obstante iso varía en augas pechadas, na proximidade da desembocadura de grandes ríos ou a grandes profundidades. Preto do 85% dos sólidos en mar aberto son cloruro de sodio. As correntes de augas profundas xorden a partir de diferenzas salinas e de temperatura; as correntes de superficie, á súa vez, están formadas polo rozamento das ondas producidas polos ventos e mareas. Os cambios periódicos na altura do nivel do mar orixínanse a partir da gravidade da Lúa e do Sol. As correntes mariñas son atribuída ás masas de terra de superficie e submarinas así como a rotación da Terra (Forza de Coriolis).
Antigos cambios nos niveis mariños provocaron a formación de plataformas continentais, áreas planas próximas á terra. Estas augas son ricas en nutrientes, e abundantes en vida, provendo aos humanos de materias esenciais para a súa alimentación -sobre todo peixes, pero tamén mariscos, mamíferos e macroalgas, por exemplo- que se recollen tanto en estado salvaxe como cultivados en viveiros. En áreas tropicais moi diversas os mares rodean grandes arrecifes de coral. A caza de baleas foi unha actividade moi común, pero a redución das cifras destes animais induciu a aparición de esforzos internacionais de conservación e unha consecuente moratoria á maior parte da caza comercial. A oceanografía estableceu que non toda a forma de vida marítima está restrinxida a augas de superficie iluminada polo Sol; mesmo a grandes profundidades e presión, os nutrientes que flúen de fontes hidrotermais manteñen o seu propio e único ecosistema. A vida pode que comezara alí neses lugares, xa que os microorganismos acuáticos están xeralmente acreditados como o grande evento de osixenación da atmosfera terrestre[7]. Crese que tanto vexetais como animais terían evolucionado a partir dos mares.
O mar é un dos elementos esenciais do comercio, do transporte, da extracción mineral, de xeración de enerxía. Isto tamén fai que sexa esencial para as guerras, ademais, e é un factor determinante na exposición de grandes cidades e poboacións a terremotos e volcáns debido a fallas xeolóxicas próximas que poden producir grandes ondas e tsunamis; así como dos ciclóns e furacáns producidos nas zonas tropicais.
En 1978, a Organización Marítima Mundial proclamou o 17 de marzo como o Día Mundial do Mar, tamén denominado como Día Marítimo Mundial. O obxectivo da celebración é concienciar á sociedade sobre os problemas que afectan ós mares, para así buscar solucións conxunta ós mesmos [8].