Obxecto separado
From Wikipedia, the free encyclopedia
En astronomía, os obxectos separados (tradución da expresión inglesa detached object), tamén denominados obxectos transneptunianos separados de Neptuno, obxectos separados distantes (DDO),[1] obxectos da nube de Hills, obxectos do disco disperso estendido (E-SDO)[2] ou disperso–estendidos, como na clasificación oficial da Deep Ecliptic Survey,[3] son unha clase dinámica de corpos do Sistema Solar exterior situados máis alá da órbita de Neptuno. Estes obxectos teñen órbitas con puntos de máximo achegamento ao Sol (perihelio) a unha distancia suficiente do de Neptuno de xeito que só están moderadamente afectados por este e outros planetas. Este feito failles parecer "independentes" do Sistema Solar.[4][5]
Estes obxectos diferéncianse da mayoría dos obxectos transneptunianos (TNOs), que forman un conxunto vagamente definido das poboacións que foron perturbadas en diversos graos na súa órbita actual tras encontros gravitacionais cos xigantes gasosos, predominantemente Neptuno. Os obxectos separados teñen perihelios maiores cás outras poboacións de TNO, incluídos os obxectos con resonancia orbital con Neptuno, como Plutón, os obxectos clásicos do cinto de Kuiper en órbitas non resoantes tales como Makemake e os obxectos do disco disperso como Eris.
Están identificados polo menos nove destes corpos de xeito seguro,[6] dos cales o maior e mellor coñecido é Sedna. Aqueles con perihelios maiores de 75 UA, no que se chama a nube de Oort interior, denomínanse sednoides. En 2014 había dous sednoides coñecidos, Sedna e 2012 VP113.