Planta acuática
From Wikipedia, the free encyclopedia
As plantas acuáticas son plantas axeitadas a medrar en ambientes acuáticos (auga salgada ou doce). Tamén reciben os nomes de hidrófitas ou macrófitas acuáticas. Estas plantas cómpren de adaptacións especiais para vivir mergulladas na auga, ou na tona da mesma- a adaptación máis común é a dos tecidos tipo aerénquima (con grandes espazos intercelulares cheos de ar), porén as follas boiantes e as follas desecadas son adaptacións tamén moi comúns.[1][2][3] As plantas acuáticas só poden medrar na auga ou en solos que estean permanentemente saturados de auga. Son, polo tanto, especies comúns dos lameiros, brañas e zonas húmidas en xeral.[4] O principal factor que controla a distribución das plantas acuáticas é a fondura e mais a duración do asolagamento ou enchente. Mais existen outros factores que tamén pode controlar a distribución e a abundancia, coma por exemplo a cantidade de nutrientes, a perturbación das ondas, a pacedura ou a salinidade.[4] As plantas vasculares acuáticas téñense clasificado en diversas familias;[1][5] poden ser fentos ou anxiospermas (incluíndo tanto monocotiledóneas coma dicotiledóneas). O argazo non está formado por plantas vasculares; senón por oucas mariñas multicelulares, e polo tanto non se adoitan considerar coma plantas acuáticas. Unhas poucas plantas acuáticas poden sobrevivir en augas salgadas e salinas.[1] Examplos destas plantas encóntranse nos xéneros Thalassia e mais Zostera. Aínda que a maioría das plantas acuáticas se reproducen con floración e sementes, moitas outras teñen reprodución asexual por medio de rizomas, turións e cachos en xeral.[6]
Unha das plantas acuáticas máis grandes do mundo é a Vitoria rexia do Amazonas (Victoria amazonica); unha das máis miúdas é a lentella de auga. Moitos animaliños acuáticos usan as plantas acuáticas como a lentella de auga como acubillo ou abeiro dos depredadores. Porén as áreas máis vizosas e con máis vexetación adoitan ter máis depredadores. Outros exemplos de plantas acuáticas serían as do xénero ‘’Nymphoides’’, a familia Nymphaeaceae (as tapadeiras ou ninfeas), a familia Nelumbonaceae (onde atopamos o loto (Nelumbo nucifera), e as plantas do xénero Eichhornia (os xacintos de auga). Algunhas plantas acuáticas son comestíbeis. Exemplos disto son o arroz salvaxe (xénero Zizania), a castaña de auga (Trapa natans), a castaña chinesa de auga (Eleocharis dulcis), o loto sagrado (Nelumbo nucifera), Ipomoea aquatica ou o agrón (Rorippa nasturtium-aquaticum).