Xenética
From Wikipedia, the free encyclopedia
A xenética (do grego antigo γενετικός genetikos, "xenitivo", e esta forma de γένεσις genesis, "orixe"[1][2][3]), disciplina da bioloxía, é a rama da ciencia que estuda a herdanza e variación xenética nos seres vivos[4][5]. O modo como os seres vivos herdan os trazos dos seus proxenitores foi usado desde tempos prehistóricos para mellorar os cultivos de plantas e animais a través da selección de cultivos. Non obstante, a xenética moderna, a cal intenta entender o proceso de herdanza, só comeza co traballo de Gregor Mendel a metade do século XIX[6]. Aínda que non sabía nada sobre as bases físicas da herdanza, Mendel observou que os organismos herdan os trazos por medio de unidades discretas; estas unidades básicas de herdanza son hoxe coñecidas como xenes.
Os xenes son rexións do ADN, unha molécula composta por unha cadea de catro tipos diferentes de nucleótidos, e é esta secuencia a que aporta a información xenética a todos os organismos. O ADN na natureza existe en forma bicatenaria, é dicir, está formado por dúas cadeas de nucleótidos. Os nucleótidos son complementarios cos da cadea de enfronte, de modo que só se poden formar determinados pares de nucleótidos. Cada unha destas dúas cadeas pode servir de modelo para a creación dunha cadea complementaria nova; esta propiedade é a que posibilita a creación de copias xenéticas para poderen ser herdadas.
A secuencia de nucleótidos dun xene é traducida polas células para producir unha cadea de aminoácidos, creando deste xeito proteínas. A orde dos aminoácidoas da proteína correspóndese coa orde dos nucleótidos do xene. Estas normas de conversión entre agrupacións de tríos de nucleótidos no xene e a proteína constitúen o código xenético. A secuencia de aminoácidos da proteína define o seu pregamento; é dicir, a súa forma tridimensional, algo fundamental para o seu correcto funcionamento.