Penicillium chrysogenum
From Wikipedia, the free encyclopedia
Penicillium chrysogenum (antes chamado Penicillium notatum) é unha especie de fungo do xénero Penicillium ao que se lle atribuíu a produción de penicilina (pero véxase máis abaixo). É un fungo tipo mofo común en rexións temperadas e subtropicais e pode encontrarse en produtos alimenticios salgados,[1] pero atópase principalmente en ambientes de interior, especialmente en edificios húmidos ou danados pola auga.[2]
Penicillium chrysogenum | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||||
|
A taxonomía destes mofos foi especialmente complicada. Tamén foi complicado determinar que cepa ou especie producía a penicilina. P.chrysogenum foi recoñecido como un complexo de especies que incluía P. notatum, P. meleagrinum e P. cyaneofulvum.[3] O Sétimo Congreso Botánico Internacional celebrado en Viena, Austria en 2005 adoptou o nome P. chrysogenum como nome conservado (nomen conservandum).[4] Pero análises de filoxenia molecular feitas en 2011 estableceron que P. chrysogenum é unha especie distinta e que P. notatum (o seu sinónimo máis popular) é, en realidade, P. rubens, e é este o verdadeiro produtor orixinal da penicilina.[5][6] Non obstante, na literatura recente segue aparecendo a especie produtora de penicilina con distintas designacións.
Raramente se informou que fose causa de doenzas en humanos.[7] Tradicionalmente, considérase fonte de varios antibióticos β-lactámicos, moi especialmente da penicilina. Outros metabolitos secundarios de P. chrysogenum son: roquefortina C, meleagrina,[8] crisoxina,[9] 6-MSA[10] YWA1/melanina,[11] andrastatina A,[12] funxisporina,[13] ácidos secalónicos, sorbicilina,[14][15] e PR-toxina.[16]
Como moitas outras especies do xénero Penicillium, P. chrysogenum xeralmente reprodúcese formando cadeas secas de espores (ou conidios) en conidióforos con forma de brocha. Os conidios son transportados por correntes de aire a novos sitios de colonización. En P. chrysogenum, os conidios son azuis ou azul-verdosos e o mofo ás veces exsuda un pigmento amarelo. Porén, P. chrysogenum non pode identificarse baseándose só na cor. Cómpre facer observacións da morfoloxía e características microscópicas para confirmar a súa identidade e a secuenciación de ADN é esencial para distinguilo das especies estreitamente relacionadas como P. rubens. O estadio sexual de P. chrysogenum descubriuse en 2013 apareando cultivos na escuridade en ágar de avea suplementado con biotina, despois de que se determinasen por amplificación por PCR os tipos de apareamento (MAT1-1 ou MAT1-2) das cepas.[17]
As esporas asexuais transportadas polo aire de P. chrysogenum son importantes como alérxenos humanos. Considérase que as serina proteases vacuolar e alcalina son as principais proteínas alerxénicas.[18]
P. chrysogenum utilizouse industrialmente para producir penicilina e xantocilina X, para tratar os residuos de polpa de madeira, e para producir os encimas poliamina oxidase, fosfogluconato deshidroxenase e glicosa oxidase.[16][19]