Steffi Graf
tenista profesional alemá / From Wikipedia, the free encyclopedia
Stefanie Maria Graf, nada en Mannheim, República Federal Alemá o 14 de xuño de 1969 é unha ex xogadora de tenis alemá. É amplamente considerada por diversos medios e especialistas como unha das mellores tenistas da historia.[1][2][3][4][5] Foi Campioa Mundial en 7 ocasións pola ITF: 1987, 1988, 1989, 1990, 1993, 1995 e 1996. En 1999 a Associated Press nomeouna "Mellor Tenista do Século XX".[6]
Ostenta as marcas de 377 semanas totais como número 1 da clasificación WTA e 186 en forma consecutiva (compartido coa xogadora norteamericana Serena Williams), finalizando nesa posición en 8 tempadas: 1987, 1988, 1989, 1990, 1993, 1994, 1995 e 1996.
Gañou 22 títulos individuais de Grand Slam entre 1987 e 1999. Catro veces no Aberto de Australia, seis en Roland Garros, sete en Wimbledon e cinco nos Estados Unidos. En 1988 converteuse na primeira e única muller (e tenista, en xeral) en gañar o verdadeiro Golden Slam: derrotou a Chris Evert no Aberto de Australia, a Natasha Zvereva en Roland Garros, a Martina Navrátilová en Wimbledon, a Gabriela Sabatini no Aberto dos Estados Unidos e novamente a Sabatini na final dos Xogos Olímpicos de Seúl. Tamén é a única tenista home ou muller en gañar como mínimo 4 veces cada un dos torneos de Grand Slam e en todas as superficies.
Graf gañou un total de 107 torneos WTA, entre eles 18 Tier I e cinco WTA Tour Championships (ex Masters feminino), así como 11 torneos de dobres.
Está casada co tamén extenista e ex número un Andre Agassi, quen tamén conseguiu o Golden Slam, aínda que no total da súa carreira, non nun só ano como o fixo Steffi Graf.[7]