Macroevolución
evolución á escala de pozas xénicas separadas / From Wikipedia, the free encyclopedia
A macroevolución é a evolución á escala de pozas xénicas separadas.[1] Os estudos macroevolutivos están enfocados aos cambios que ocorren por encima ou ao nivel de especie, a diferenza da microevolución,[2] que trata de cambios evolutivos máis pequenos (tipicamente descritos como cambios nas frecuencias alélicas) dentro dunha especie ou poboación.[3] A macroevolución e a microevolución describen fundamentalmente procesos idénticos pero a diferentes escalas de tempo.[1][4]
O proceso de especiación pode caer no alcance de ambas, dependendo das forzas que se cre que as impulsan. A paleontoloxía, a bioloxía evolutiva do desenvolvemento, a xenómica comparada e a filoestratigrafía xenética achegan a maioría das evidencias sobre os patróns e procesos que poden ser clasificados como macroevolución. Un exemplo de macroevolución é a aparición das plumas durante a evolución das aves a partir dos dinosauros terópodos, vista agora desde desde unha distancia no futuro, aínda que vista a medida que se orixinaban os cambios en desenvolvemento sería denominada microevolución.
O traxecto evolutivo dos équidos (a ampla familia dos cabalos e animais relacionados) vese a miúdo como un exemplo típico de macroevolución unha vez máis desde o punto de vista amplo despois dunha notable acumulación de cambios microevolutivos previos. O xénero inicial Hyracotherium (agora reclasificado como paleoterio), era un herbívoro comedor de follas parecido a un can que vivía a inicios do Cenozoico. A explicación evolutiva preferida é que ao transformarse o seu hábitat nunha pradería aberta árida (que se pode reconstruír polo rexistro fósil de pole e sementes), a presión selectiva actuou para que o animal se convertese nun comedor de herba (como quedou rexistrado polo cambio de dentición e outras características). Así, alongaron as patas e cabeza e reduciron os dedos gradualmente, producindo o xénero actual Equus.[5]